Título:Unha manchea de bicos
Autor:Mª Antonia Rodenas
Editorial:Xerais
Recensión:
Unha manchea de bicos é un álbum de Antonia Rodenas, ilustrado por Carme Solé Vendrell, que aborda os conflitos e as relacións interpersoais entre os máis pequenos nos seus primeiros anos de escolarización. A amizade e os sentimentos son os eixos temáticos deste libro destinado aos picariños de catro anos en diante.
A súa protagonista, Kati ten unha caixiña chea de bicos doces e un gran sorriso. Cando vai para o colexio, sempre leva algún na súa bolsa do almorzo. A súa nai, ó despedírense, sempre lle dá algún máis. Sabe que é moito tempo o que bota na escola. Kati regala os seus bicos ós seus amigos: a César cando chora porque a súa nai se marcha para casa; ó guerreante de Diego. Os bicos de Kati son como palabras máxicas para todos os seus compañeiros de clase. Tamén a Kati os seus compañeiros danlle bicos cando o necesita. E é que unha manchea de bicos é o mellor para sentirse feliz.
Título:O nacemento do dragón
Autor:Wang Fei
Editorial:Kalandraka
Recensión:
Mentres en Europa o dragón é un animal misterioso e de reminiscencias diabólicas, en Asia é sinónimo de paz. Esta obra bilingüe galego-chinés mandarín, que conxuga literatura, caligrafía e ilustración, conta a orixe desta criatura mítica, creada en tempo inmemorial polos nenos e nenas das diversas tribos chinesas.
Os adultos, que veneraban os animais sagrados, tamén facían a guerra no seu nome ...Ata que os nenos decidiron crear un animal que os arredara desa espiral bélica: co corpo da serpe silandeira e astuta admirada polos habitantes da meseta, coa cabeza do cabalo veloz coma o vento que protexía os xinetes, coas escamas do peixe escintilante honrado polos pescadores da beiramar, cos cornos do búfalo forte e traballador ao que enxalzaban os campesiños dos arrozais, e coas patas do paxaro libre e cazador louvado polos montañeses, xurdiu un ser híbrido co que cada Aninovo chinés se festexa a paz e a ledicia.
Título: El gigante más elegante
Autor: Julia Donaldson
Editorial:Bruño
Recensión:
O xigante Maxi xa está farto de ir sempre tan mal vestido e decide converterse no xigante máis elegante da cidade. Pero entón atópase a varios animais que necesitan a súa axuda... e tamén algo máis.
Título: Mis cuentos africanos
Autor: Nelson Mandela
Editorial: Siruela
Recensión:
Nelson Mandela recolle nesta maxistral antoloxía os contos máis belos e antigos de África. É unha colección que ofrece un ramallete de entrañables relatos, pequenas mostras da valorosa esencia de África, que en moitos casos son tamén universais polo retrato que fan da humanidade, dos animais e dos seres fantásticos. «Está a lebre», observa Mandela no prólogo, «unha pícara moi enxeñosa; a hiena, que é a perdedora de todas as historias; o león, o xefe dos animais e quen lles dá agasallos; a serpe, que inspira medo e á vez é o símbolo do poder de sandar; hai tamén feitizos que poden carrexar a desgraza ou conceder a liberdade...». Todos os contos, ademais, están marabillosamente ilustrados en cor por 16 artistas africanos.
0 Comentarios